jueves, 26 de noviembre de 2009

Coñeces as Ensinanzas Especiais?


Estas ensinanzas presentan unha regulación e/ou condicións de acceso específicas polo que son tratadas de forma distinta a outros estudos máis coñecidos como, por exemplo, os de Formación Profesional.

Dentro destas ensinanzas, atópanse as seguintes:
-ENSINANZAS ARTÍSTICAS (ensinanzas de arte dramática, artes plásticas e deseño, conservación e restauración de bens culturais, danza, ensinanzas superiores de deseño e música)

-ENSINANZAS DEPORTIVAS (fútbol, fúbol sala, atletismo, baloncesto e balonmán)

-ENSINANZAS DE IDIOMAS (distinta oferta de idiomas dependendo da Escola Oficial de Idiomas ou sección das mesmas da que se trate).
No que se refire ás ensinanzas artísticas, hai estudos superiores equivalentes á diplomatura universitaria (estase a traballar, actualmente, para adaptar estes estudos ó Espazo Europeo de Educación Superior) e hai estudos equivalentes ós títulos de técnico e técnico superior da Formación Profesional.

As ensinanzas deportivas conducen á obtención de títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior da especialidade da que se trate.

Normalmente, tanto as ensinanzas artísticas como as deportivas teñen unha proba específica de acceso.

As ensinanzas de idiomas están estruturadas en 3 niveis: básico, intermedio e avanzado, existindo a posibilidade de realización dunha proba de nivel. Esta proba permite acreditar coñecementos previos dunha lingua de tal modo que a matriculación sexa no nivel máis axeitado.
Para saber máis deste tipo de ensinanzas, preme no enlace:

martes, 24 de noviembre de 2009

Opcións de Bacharelato


¿Que é? O BACHARELATO é unha ensinanza postobrigatoria, á que se accede co título da ESO.

¿Que modalidades se poden cursar? Existen 3 modalidades de Bacharelato:

-CIENCIAS E TECNOLOXÍA,
-HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS e
-ARTES, con dúas vías:

*ARTES PLÁSTICAS, DESEÑO e IMAXE
*ARTES ESCÉNICAS, MÚSICA e DANZA

¿Que tipos de materias se estudan?

-MATERIAS COMÚNS: aquelas que se estudan en todas as modalidades de Bacharelato.

-MATERIAS DE MODALIDADE: aquelas que se escollen dentro das ofertadas na modalidade de Bacharelato escollida, segundo a área de coñecemento dos estudos que imos realizar no futuro. Elíxense 3 materias de modalidade en cada un dos cursos do bacharelato, tendo que cursar unha de forma obrigatoria segundo a modalidade elixida. Así, por exemplo, cursando a modalidade de ciencias e tecnoloxía é obrigatorio cursar matemáticas en 1º e en 2º.

-MATERIAS OPTATIVAS: son as materias que non están ligadas, en concreto, a ningunha modalidade, por exemplo, a segunda lingua estranxeira. Elíxese 1 materia deste tipo (tamén se pode escoller unha cuarta materia de modalidade, no lugar desta optativa).

Para coñecer as materias do bacharelato e as normas que regulan o mesmo, preme no enlace que segue:

http://ciug.cesga.es/marcoloe.html (plan de estudos do Bacharelato LOE en Galicia)

Elixir profesión


Decidir a que SECTOR PROFESIONAL nos gustaría dedicarnos é difícil porque moitas ocupacións son descoñecidas para o público xeral.
Calquera sabe que fai un médico porque temos empregado os seus servizos e porque estamos familiarizados coa súa labor grazas a numerosas series televisas ("Urgencias", "House"...) pero, ¿que fai un enxeñeiro en obras públicas, un procurador ou un analista de mercados?.
Para saber que actividades realiza, que estudos dan acceso ou que aptitudes hai que ter para dedicarse a unha determinada ocupación, visita os seguintes enlaces (podes buscar por orde alfabética, por temática ou simplemente curiosear entre as distintas actividades profesionais):

miércoles, 18 de noviembre de 2009

Residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar


A Consellería de Traballo dispón de instalacións que, durante o curso académico, funcionan como residencias xuvenís para estudantes de ata 30 anos, matriculados en ciclos formativos de grao medio e superior, bacharelato, estudos universitarios ou estudos superiores de ensinanzas artísticas.

A convocatoria de prazas faise a través do DOG e pídense os seguintes requisitos:
-Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Comunidade Europea, ou ser estranxeiro residente en España no momento da solicitude da praza.
-Non superar os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
-Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente ós estudos que vai cursar o/a solicitante.
Exceptúase do anterior, a realización de estudos universitarios nos que o solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica esixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade da residencia familiar.
-Non ter perdido a condición de residente por causa imputable ó solicitante.

Os centros residencias están en Ourense (Residencia Florentino López Cuevillas), Vigo (Residencia Altamar) e Lugo (Centro Residencial Xuvenil LUG).

Nas residencias ofrécese aloxamento e mantenza, ademais dunha serie de actividades e convivencias educativas.

Máis información en:
http://residenciasmocidade.es/

Centros Residenciais Docentes


Os Centros Residenciais Docentes ofrecen aloxamento a alumn@s de ensinanza secundaria postobrigatoria non universitaria (isto é, BACHARELATO e CICLOS FORMATIVOS) que desexen realizar estudos que non se ofertan no lugar no que viven.
Estas residencias dependen da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, dependendo do nivel de ingresos familiar, a estancia pode ser gratuíta ou de prezo económico.
As solicitudes de admisión realízanse en torno ó mes de xuño, cando sae publicada a convocatoria de prazas no DOG. Hai centros residencias docentes en Vigo, A Coruña e Ourense.
Para obter máis información e coñecer os servizos destes centros podes acceder ás páxinas webs dos mesmos:

http://centros.edu.xunta.es/credovigo
http://centros.edu.xunta.es/credocorunaos.edu.xunta.es/credocoruna
http://credoourense.com/

martes, 17 de noviembre de 2009

Aspectos máis valorados polas empresas...


Segundo un estudo elaborado pola Cámara de Comercio e Industria de Madrid e a Fundación Universidad-Empresa, os aspectos máis valorados polas empresas para seleccionar un candidato son: coñecementos de inglés, experiencia obtida mediante prácticas en empresa e coñecementos de informática.
O citado estudo tamén reflicte que os titulados universitarios máis contratados son os enxeñeiros e profesionais das Ciencias Sociais e Xurídicas.
No que respecta á Formación Profesional, as áreas máis demandadas son: Electricidade/Electrónica, Administración e Informática.
Podes consultar a noticia completa, no seguinte link:
http://www.educaweb.com/noticia/2009/10/12/saber-ingles-informatica-haber-realizado-practicas-son-aspectos-mas-valorados-al-seleccionar-candidatos-trabajo-216384.html

De todos modos, hai que ter en conta que os sectores con máis emprego varían segundo a zona xeográfica e a época da que se trate, polo que deben tomarse este tipo de estudos de forma orientativa.

Programas de Cualificación Profesional Inicial

Estes programas teñen como finalidade de evitar o abandono dos estudos antes da finalización da escolarización obrigatoria.
Os OBXECTIVOS do programa son:
-Adquirir competencias propias dunha cualificación profesional de nivel I (da rama profesional que se elixa), de tal modo que se mellore o acceso ó mercado laboral.
-Ampliar as competencias básicas para continuar os estudos cursando:
*Ciclos formativos de grao medio, presentándose á proba de acceso.
*Módulos conducentes á obtención do título da ESO (modulos voluntarios ou 2º curso do PCPI).

As CONDICIÓNS DE ACCESO son:
-Ter entre 16 e 19 anos (excepcionalmente, 15 con informe positivo do centro educativo)
-Non ter acadado o título da ESO (por dificultades de aprendizaxe, necesidades educativas especiais...).

Os MÓDULOS ou materias que se estudan son:
OBRIGATORIOS (1er curso):
-Específicos (relativos a un perfil profesional).
-Formativos de carácter xeral (competencia comunicativa e dixital, sociedade e ciudadanía, científico-matemático e iniciativa persoal e laboral).
VOLUNTARIOS (2º curso):
-Módulos conducentes á obtención do título de graduado en ESO (ámbitos: comunicación, social e científico-tecnolóxico).

En PONTEAREAS impártense no curso 2009/2010 os seguintes Programas de Cualificación Profesional Inicial:

IES Pedra da Auga
-PCPI de servizos administrativos (modalidade A*)
-PCPI de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións (modalidade A)


CIFP A Granxa
-PCPI Xardinaría e viveirismo (modalidade A)

*Nesta modalidade de PCPI prepáranse os distintos módulos, prácticos e teóricos, no instituto e, unha vez aprobados estes, realízanse as prácticas nunha empresa do sector profesional para o que prepara o Programa.

Opcións desde 3º de ESO

Ata 3º da ESO, apenas hai posibilidade de elección no sistema educativo salvo para aqueles alumnos con dificultades de aprendizaxe que, cumprindo unha serie de requisitos, poderán acceder a un Programa de Cualificación Profesional Inicial ou a un Programa de Diversificación Curricular.

Sen embargo, a partir de 3º da ESO, ábrense unha serie de vías entre as que podes escoller, segundo os teus intereses e as túas aptitudes.

As distintas opcións atópanse esquematizadas no seguinte gráfico (fai click sobre o debuxo para aumentar o seu tamaño):


miércoles, 11 de noviembre de 2009

Graos universitarios implantados no curso 2009-2010

No presente curso académico, 2009-2010, entraron en vigor, en moitas facultades e escolas, os novos estudos de GRAO, é dicir, estudos adaptados ó Espazo Europeo de Educación Superior.
Consulta os estudos de grao xa implantados en Galicia (en torno ó 60%), nos seguintes enlaces:

http://www.xunta.es/Dog/Dog2009.nsf/FichaContenido/33CAE?OpenDocument

http://www.xunta.es/dog/Dog2009.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/d561d8b6872c364bc125766a0057a998/$FILE/22100D001P006.PDF

martes, 10 de noviembre de 2009

Oferta de ciclos formativos


Se queres coñecer os perfís profesionais que se adquiren na Formación Profesional, así como os centros educativos nos que se imparten os distinos ciclos formativos, podes consultar a información no seguinte link:



Os ciclos formativos atópanse agrupados en FAMILIAS PROFESIONAIS segundo o ámbito profesional ó que estean dedicados. Dentro de cada familia, hai ciclos formativos de GRAO MEDIO, ós que se pode acceder co título da ESO ou proba de acceso, e ciclos de GRAO SUPERIOR, ós que se pode acceder co título de Bacharelato ou proba de acceso.

Nova selectividade

No actual curso, 2009/2010, entra en vigor un novo modelo de selectividade, que constará dunha fase XERAL obrigatoria (4 probas de materias comúns e 1 proba de materia de modalidade) e dunha fase ESPECÍFICA opcional (2 probas de materias de modalidade elexidas polo estudante).

A fase xeral superada (nota superior a un 5) permite ó acceso á Universidade mais, no caso de querer acceder a unha carreira con límite de praza, será necesario presentarse a fase específica, a cal permite mellorar a nota obtida na fase xeral.

Nesta fase específica, non todas as materias serán valoradas do mesmo xeito, algunhas materias serán ponderadas con 0,1 e outras con 0,2 (polo que a nota a sumar á fase xeral será menor no primeiro que no segundo caso). As materias que serán máis valoradas serán aquelas que teñan maior relación coa rama de coñecemento á que pertenza a/as titulación/s á/ás que pretendemos acceder.

Os valores de ponderación das materias de modalidade do bacharelato PARA ESTE CURSO, 2009/2010, podense consultar no seguinte link:
http://ciug.cesga.es/marcoloe.html

lunes, 9 de noviembre de 2009

Notas de corte de acceso á Universidade 2008-2009


No seguinte enlace podes consultar as notas de corte (nota do últim@ alumn@ que accedeu á esa carreira) nas titulacións con límite de plaza do SUG.
http://ciug.cesga.es/marcoacceso.html

No top ten da listaxe (convocatoria de xuño e por opción preferente) séguense atopando as carreiras do ámbito sanitario (mediciña, odontoloxía, fisioterapia e enfermaría) e as relacionadas co traballo nos medios de comunicación (xornalismo e comunicación audiovisual).

Destaca, tamén, no posto número 8 a doble titulación de Dereito e Administración e Dirección de Empresas, que se imparte na Universidade de A Coruña.

viernes, 6 de noviembre de 2009

Benvidos ó blogue de orientación!!


Practicamente desde que comezamos o instituto temos que empezar a tomar decisións e para poder decidir necesitamos información. A maioría da información que necesita un estudante de Secundaria está disponible na rede mais, ¡hai que saber atopala!.

Este blogue xurde para intentar facilitar este proceso e servir de "taboleiro de anuncios virtual".

¡Moita sorte na túa busca!