martes, 22 de diciembre de 2009

Puntuacións na nova selectividade

Como xa se comentou noutra entrada do blog, este curso comeza un novo sistema de exames para o acceso á universidade. Este sistema consta dunha parte xeral (obrigatoria) e dunha parte específica (voluntaria).
Na parte xeral, as probas puntúanse de forma ordinaria pero, na parte específica, as notas obtidas pónderanse por medio dun coeficiente (0, 0,1 ou 0,2) en función do valor que se outorgue á materia para o acceso á carreira elexida.
Se non tes claro como se calcularía a túa nota de acceso á universidade podes consultar os casos prácticos que ofrece esta presentación elaborada pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid:

http://www.scribd.com/doc/24277781/pau-2010

jueves, 17 de diciembre de 2009

Acceso ó Corpo Nacional de Policía

REQUISITOS PARA O INGRESO

XERAIS:

-Ser español.
-Ter 18 anos de idade e non ter cumpridos os 30.

-Estatura mínima de 1,65 metros os homes e 1,60 as mulleres.

-Compromiso de portar armas e, no seu caso, chegar a empregalas.

-Non ter sido condenado por delito doloso nin separado do servizo do Estado, da Administración Autonómica, Local ou institucional, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

-Permiso de conducir da clase que se determine na respectiva convocatoria.

ESPECÍFICOS:

*INSPECTOR
-Estar en posesión do título de Enxeñeiro Técnico, Arquitecto Técnico, Diplomado Universitario ou formación equivalente ou superior.

*POLICÍA
-Estar en posesión ou en condicións de obter o título de Graduado en Educación Secundaria ou formación equivalente ou superior.
Para coñecer o número de prazas que se convocan cada ano, así como, o temario, as probas e outros aspectos do proceso selectivo, consulta:

Becas Erasmus


As "becas Erasmus" son axudas que se outorgan ós estudantes e profesores da UE, que cursan Estudos Superiores, para realizar estudos noutros países adscritos ó programa. Estes países son todos os pertencentes á Unión Europea mais os 3 países que forman parte do Espazo Económico Europeo, isto é, Islandia, Liechtenstein e Noruega.

Cada universidade asina acordo con outras universidades, ofertando cada ano unha serie de prazas segundo a titulación que se estude.

A duración da movilidade oscila entre os 3 meses (mínimo) e os 12 meses (máximo).

Se estás interesado en coñecer máis acerca deste programa europeo, consulta o seguinte link:


Distrito Aberto

¿QUE É O DISTRITO ABERTO?
O Distrito Aberto facilita que os estudantes poidan cursar os seus estudos na universidade que desexen. As universidades públicas ofrecen, en todas as súas titulacións, o 100% das súas prazas en Distrito Aberto, en igualdade de condicións para todos os estudantes, sen ter en conta o seu distrito de procedencia e o lugar no que residan.
¿COMO SE PODE SOLICITAR UNHA PRAZA POR DISTRITO ABERTO?
Se desexas solicitar unha praza nalgunha titulación doutra universidade, podes facelo cumprimentando o impreso de preinscripción que che facilitará a universidade de destino e entregalo nos prazos fixados pola propia universidade.
¿PÓDESE SOLICITAR VARIAS UNIVERSIDADES EN DISTINTOS DISTRITOS?
Si, para facelo debes encher o impreso de preinscripción de cada un dos distritos universitarios no que desexas obter praza, nos prazos que cada un deles determine.
¿QUE OCORRE CANDO SE OBTÉN PRAZA EN DISTINTAS UNIVERSIDADES?
Elíxese a que máis interese e faise a matriculación dentro dos prazos que a universidade teña señalados. Se transcorrido o prazo de matriculación non se fai efectiva a matrícula, perderase a praza adxudicada.

jueves, 10 de diciembre de 2009

Help! Chegan os exames...

Cando chegan os exames, adoitan vir acompañados de nervos e atracóns de última hora. Segundo a psicóloga e orientadora educativa, Ana Torres Jack, hai unha serie de factores que propician que despois ter estudiado, o exame non saia como agardamos.

Estes factores son:
-Empezar a estudar con poucos días de antelación ou incluso o día anterior.
-Pasar a noite sen durmir.
-Non distribuir ben o tempo do exame, invertindo moito nalgunhas preguntas e deixando moi pouco ou nada para outras.
-Non contestar ó que se pregunta.
-Descoidar a redacción, a presentación ou a ortografía.
-Deixar algunha pregunta en branco.
-Entregar o exame sen darlle un pequeno "repaso".

Por outra banda, propón un DECÁLOGO para unha boa preparación dos exames:
1. Procurar non estar canso cando se pon un a estudar (débese durmir o suficiente).
2. Intentar relacionar o que estás aprendendo co que xa sabes.
3. Organizar os papeis, apuntamentos e libretas.
4. Memorizar primeiro o esquema xeral e logo os detalles.
5. Dividir a materia en bloques para abordala de forma máis sinxela.
6. Lembrar que a memoria depende, sobre todo, de 2 factores: interese e concentración.
7. Procurar entender antes de memorizar.
8. Repasar con frecuencia.
9. Empregar todos os sentidos: escribir palabras clave, mirar as fotos do libro...
10. Empregar regras mnemotécnicas ou trucos para asociar ideas.

E para momento clave do exame, esta orientadora aconsella:
-Ler ben as preguntas ata estar seguro de que se comprende.
-Consultar as dúbidas ó profesor/a.
-Facer un breve esquema ou borrador.
-Contestar ó que se pregunta.
-Vixiar a expresión: as frases han de ser claras, curtas e sinxelas.
-Coidar a ortografía, se non se sabe con seguridade como se escribe unha palabra, búscase un sinónimo.
-Cando non se está seguro dun dato concreto, é mellor non poñelo.
-Aínda que o tempo sexa moi xusto, é conveniente deixar un par de minutos para repasar o que se escribiu.

¡BOA SORTE!

Bolsas do Ministerio de Educación

Se estás realizando ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS ou tes pensado comezalos, podes solicitar bolsa de estudos ó Ministerio de Educación.

Para poder optar ás mesmas debes cumprir unha serie de criterios ECONÓMICOS e ACADÉMICOS.

As axudas máis importantes que se contemplan son:

-COMPENSACIÓN: tratan de compensar ás familias de rentas máis baixas da desvantaxe económica que supón a dedicación ó estudo do/da solicitante de bolsa.
-DESPRAZAMENTO OU TRANSPORTE: para cubrir gastos debido á distancia entre o domicilio familiar e o centro docente onde se cursan estudos.
-RESIDENCIA: destinadas a compensar a aqueles/as alumnos/as que teñen que residir durante o curso fora do domicilio familiar.
-MATERIAL DE ESTUDOS: axuda para adquisición de libros e outro material.
-MOVILIDADE: trata de axudar a alumnos/as que realicen estudos noutras Comunidades Autónomas.
-MATRÍCULA: Axuda contemplada para estudos universitarios ou outros estudos, cando o centro onde se imparten non estea sostido con fondos públicos, dado que, no resto dos casos, o coste da matrícula adoita ser gratuíta.

O PRAZO para solicitar bolsa do Ministerio de Educación adoita abrirse a finais de curso e permanece aberto durante o verán.

Para coñecer con detalle as condicións de solicitude e os requisitos que se han de cumprir, consulta o seguinte enlace premendo no tipo de estudos que desexas cursar (bacharelato, estudos universitarios, ciclos formativos...):

miércoles, 9 de diciembre de 2009

Revista "Toma nota" de Infoempleo


Se queres coñecer as últimas noticias sobre formación e emprego, podes consultar esta atractiva revista de forma on-line ou descargala ó teu pc.

Edítase bimensualmente e o último número publicado é o que corresponde a novembro-decembro de 2009.

O link é o seguinte:

viernes, 4 de diciembre de 2009

Guía oficial de titulacións universitarias 2009/2010



O Ministerio de Educación ven de publicar unha Guía oficial de titulacións de todas as Universidades de España. Nesta guía atoparás toda a información sobre graos, postgraos e doutorados.

A páxina inclúe un sistema de busca polo que podes filtrar a información segundo nota de corte, titulación, universidade ou Comunidade Autónoma.

Deste xeito, podes coñecer as universidades que imparten unha determinada titulación, a nota de corte do curso pasado, o número de prazas e incluso o custe por crédito.

O enlace é o seguinte:


¿Que é o emprego público?

O emprego público é o que ofrecen as distintas Administracións Públicas (Concellos, Comunidades Autónomas ou Estado). Para acceder a estes postos hai que superar uns procesos selectivos que, habitualmente, se coñecen co nome de OPOSICIÓNS.

Estes procesos selectivos consisten nunha serie de probas, que realizan ós aspirantes e que son avaliadas por un tribunal, para acceder a un posto na Administración Pública ou nun organismo público.

Os postos na Administración organízanse nunha serie de GRUPOS, que á súa vez, constan dunha serie de NIVEIS, segundo a complexidade das funcións e os requisitos de acceso requeridos. A organización dos GRUPOS é a seguinte:
-Grupo A1: Doutor, Licenciado, Enxeñeiro, Arquitecto ou equivalente.
-Grupo A2: Enxeñeiro Técnico, Diplomado Universitario, Arquitecto Técnico ou equivalente.
-Grupo B: Formación Profesional de grao superior ou equivalente.
-Grupo C1: Bacharelato, Formación Profesional de grao medio ou equivalente.
-Grupo C2: Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, Graduado escolar ou equivalente
-Agrupacións profesionais.
(En breve, coa adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior, o acceso ós grupos A1 e A2 será co título de grao, establecendo requisitos específicos para cada un deles).

As oposicións convócanse nos Boletíns Oficiais (da provincia, da Comunidade Autónoma ou do Estado) aínda que diversas páxinas web da Internet recompilan estes procesos selectivos, facendo máis doada a busca (páxinas dos sindicatos, das academias de preparación de oposicións...).

Para elixir oposicións, cumpre ter en conta os seguintes aspectos:

*O tipo de probas e temario.
*Se hai fase de concurso (fase na que entran en xogo os méritos do aspirante: cursos realizados, tempo traballado na Administración...).
*A titulación que se require para poder participar nas probas.
*O número de prazas.
*O tempo que se precisa inverter en preparar as probas, realizando un plano de estudos.

Á hora de enfrentarse á preparación das probas, pódese decidir entre prepararse por conta dun ou asistir a unha academia ou centro de estudos especializados.

Por último, é conveniente considerar que algúns corpos presentan CARACTERÍSTICAS ESPECIAIS porque implican un certo grao de perigosidade e teñen condicións propias de acceso. Principalmente, son:
*Corpos de seguridade do Estado (Guardia Cívil ou Policía Nacional).
*Institucións Penitenciarias.
*Forzas Armadas Profesionais.